— Fabulatorio é un proxecto editorial promovido por Cibrán Rico López e Suso Vázquez Gómez, arquitectos de formación dedicados profesionalmente ao deseño gráfico e editorial baixo o nome de desescribir.
desescribir é a maneira que temos de expresar un desexo e unha necesidade: a de cuestionar, poñer en dúbida e, cando é posible, repensar a realidade. Ás veces, se hai sorte, desescribir é tamén descubrir. Cremos que os libros aínda conservan a capacidade de xerar asombro e fascinación, que seguen alumeando ideas, emocións e espazos agochados para seren descubertos.
Os libros son, no seu cerne, comunicación: a que transmite e establece novos discursos colectivos, e tamén, a que acontece de xeito íntimo nunha tarde de domingo cun só lector. Os libros propoñen outros tempos. Os libros están nun permanente proceso de seren escritos e desescritos. Ese proceso é o que quere ser Fabulatorio.
— Fabulatorio é un lugar para as historias que aínda non foron contadas e para as que pensamos que precisan ser contadas de novo. Como nos contos tradicionais, as historias de Fabulatorio, serano para ser lidas e olladas en si mesmas, pero tamén para imaxinar outras ideas e outros mundos posibles; por iso, Fabulatorio será fábula.
Fabulatorio quere experimentar nas capacidades que ten o libro como obxecto para comunicar significados; investigar na relación íntima entre a súa forma e a transmisión e a posta en valor do seu contido.
— Fabulatorio é unha experiencia editorial coa vontade de producir de maneira responsable, coa pequena e mediana industria local, optimizando procesos e publicando tiradas reducidas con prezos de venda asequibles.
Quere fuxir, ao mesmo tempo, da idea do libro exclusivo orientado a coleccionistas e da produción editorial en masa coa única fin de abaratar custos. Quere establecer redes e empregar os medios de difusión actuais para reducir a distancia entre os que producen e os que se interesan polo que está producido.
— Fabulatorio nace tamén coa convicción de que o valor do global reside no local. Quere establecer unha comunicación global consciente de que o local é o que diferencia e lle dá autenticidade a esa comunicación. A nosa diferenza é Galicia, por iso todos os libros editados en Fabulatorio o serán sempre en galego. Ademais, na medida das posibilidades e das oportunidades, os libros serán traducidos a outros idiomas.
A dimensión do ‘local’ estará presente tamén nos contidos, tanto coma espazo de difusión para autores e creadores galegos, como na investigación en temas e ideas que poidamos considerar de interese no noso contexto, sen renunciar a que reverberen do mesmo xeito noutros lugares e noutras realidades.
— Para Fabulatorio, o local será tamén producir e desenvolver proxectos editoriais coa industria do prelo e cos profesionais máis próximos, nunha dinámica de aprendizaxe e intercambio de coñecemento mutuo e leal, interesada en acadar resultados gráficos e editoriais de calidade.
— Fabulatorio xorde sen apoios institucionais nin subvencións públicas de ningunha clase, aínda que non renuncia a elas para acometer algún proxecto editorial específico. Fabulatorio nace, pois, da ilusión, do apoio, do compromiso e do traballo de diferentes persoas e profesionais que o fan posible.
— Desexamos que Fabulatorio, a través dos libros, sexa un lugar de encontro de sensibilidades e de intereses comúns. Gustaríanos, no 2012, facer nosas as palabras que Anxo Casal lle dirixiu a Rafael Dieste no ano 1928 co gallo da presentación da editorial Nós:
“En NÓS estamos todos: uns sabemos xa do noso enrolamento e outros coma vostede, que tamén son da compaña, témolos a bordo aínda que non se teñan decatado”.
Fabulatorio
Primavera 2012