“O mais importante nao e a arquitectura, mas a vida, os amigos, e este mundo injusto que devemos modificar”.
— Oscar Niemeyer
A casa do Oscar é o primeiro dunha serie de 5 cadernos nos que Fabulatorio quere explorar, a través da fotografía, os pares de relacións: espazo–vida e cultura–civilización.
A casa de Oscar é, ademais, unha homenaxe visual ao arquitecto Oscar Niemeyer: referencia lonxeva e destacada do proxecto utopista e transformador da modernidade, coa que se comprometeu profesionalmente dende unha das periferias do cerne intelectual centroeuropeo e norteamericano.
Por esa razón, no ano 2012, cando os sistemas económicos e de poder seguen a replicar globalmente a súa inxustiza endémica, Oscar Niemeyer e a súa obran continúan definindo lugares polos que paga a pena transitar.
As fotografías de Luis Díaz Díaz están acompañadas no libro de dous textos elaborados por Benoît Sindt e Chico Buarque. Benoît Sindt é arquitecto e foi un dos compañeiros de viaxe de Luis Díaz Díaz por Brasil no ano 2005. O texto de Chico Buarque, que dá título ao caderno, e se reedita agora co permiso do autor, foi publicado orixinalmente no ano 2000 no folleto Poemas, testemunhas, cartas para conmemorar o noventa aniversario de Oscar Niemeyer.
Luis Díaz Díaz
www.luisdiazdiaz.com
Luis Díaz Díaz (A Coruña, 1978) é un fotógrafo e editor gráfico que reside en Galicia. Iníciase na fotografía mentres realiza os estudos de Enxeñaría de Camiños na súa cidade natal. Ao terminalos, trasládase a Madrid en 2005 para cursar un Máster en fotografía na escola EFTI. Posteriormente, desenvolve a súa formación asistindo a fotógrafos como Jerónimo Álvarez ou Daniel Riera, e realizando workshops con maestros como Joan Fontcuberta, Francesco Jodice ou Joerg Colberg.
Colabora habitualmente con diferentes revistas nacionais e internacionais, institucións, estudios de arquitectura e axencias de publicidade. A súa obra ten sido exposta recentemente en Bruselas, Madrid, A Coruña e Barcelona. É fundador e co-editor de ‘30y3’, revista online sobre fotografía española contemporánea.